Portada del sitio > Literatura > Revistas > Revista: Luzes (Galego)

Revista: Luzes (Galego)

Palabras clave:

Contra a crise dos medios, máis xornalismo. Luzes é unha revista en construción dirixida por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro e coordinada por Iago Martínez. Mensual e en lingua galega, con 120 páxinas e un suplemento cultural no interior, República, botará a andar no outono de 2013 cunha coidada edición en papel e outra para tablets e diferentes dispositivos móbiles de lectura.
ESTAMOS UN TANTO A ESCURAS. Cada sociedade, en cada momento, ten a súa visión do mundo, que se concreta nunha literatura, nunha música, nuns medios de comunicación. Un periódico, a prensa, dicía Arthur Miller, é unha nación mirándose a si mesma. Nós pensamos que o que vemos non nos gusta, ou nos nos recoñecemos niso. Quitado a quen lle interese a capacidade dalgunha xente de chegar ás máis altas cotas da miseria con tal de expoñela ante centos de milleiros de persoas. Ou a quen lle preste a habilidade das clases dirixentes de contrarrestar as propias carencias poñendo en evidencia as dos rivais.
Pretendemos unha publicación que recolla a mellor tradición do xornalismo. Aquel que estabelece que as historias hai que contalas tal como foron e co alento que se precise, non como conveña ou onde caiban. Que os temas que hai que tratar non son os que interesan aos editores nin aos periodistas, senón aos lectores, que son os verdadeiros donos dun medio de comunicación. Pero tamén sabemos que nós somos como somos, e o que pretendemos non é satisfacer a demanda do que xa se quere, senón incrementar a oferta do que non hai.
Prendamos as Luzes do xornalismo.

http://www.revistaluzes.com/

Entrepueblos Entrepueblos/Entrepobles/Entrepobos/Herriarte | Mapa del sitio | Pep Boatella Il·lustracions | Diseño Web Valladolid | <:icone_suivi_activite:> RSS 2.0 |